A sanidade pública galega debe ser, por riba de todo, un servizo ás persoas. Así o destacou o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, durante a clausura das I Xornadas de Humanización do Proceso Perioperatorio, celebradas este mércores no Auditorio Municipal de Ourense.
Pardo subliñou que unha asistencia sanitaria de calidade require profesionais cualificados, medios adecuados, investigación e innovación, pero tamén unha atención próxima e respectuosa. Neste sentido, lembrou que humanizar a sanidade implica acompañar os pacientes antes, durante e despois das intervencións.
Manuel Pardo reivindica unha sanidade pública máis humana
O delegado felicitou o equipo responsable do ensaio clínico ‘Eficacia de una intervención enfermera para la reducción de la ansiedad en pacientes quirúrgicos’, que avalía os beneficios de informar, acompañar e preparar emocionalmente os pacientes e as súas familias antes dunha cirurxía.

Tamén puxo en valor o carácter multidisciplinar das xornadas, nas que participaron profesionais sanitarios, pacientes, familiares e asociacións. Finalmente, trasladou os seus parabéns ás persoas premiadas e recoñeceu o seu traballo e compromiso coa mellora da atención sanitaria.

