A Fundación Expourense fai balance de 2023 no que acolleu unha intensa actividade nos ámbitos deportivo, sanitario e feiral.
136.000 visitas ás distintas actividades realizadas no recinto de Expourense demostra o interese da sociedade polas propostas realizadas.
A Fundación Expourense fai balance de 2023
Durante o ano 2023, Expourense acolleu 10 feiras, máis de 30 campionatos de atletismo e actividade sanitaria ó ser de novo un punto de vacinación.
Ó acto de presentación do balance asistiron diversas autoridades políticas e representantes de entidades colaboradoras. O director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, José Ignacio González, segundo tenente de alcalde de concello de Ourense, ou Marisol Nóvoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, estiveron presentes no acto.
Rogelio Martínez, director xerente de Expourense, sinalou que «o 2023 foi un ano de intensa actividade marcado sen dúbida pola celebración de Termatalia no Uruguai. Foi o ano ademais do nacemento do Salón do Vehículo Clásico e do Encontro Inspiro e no que consolidamos o resto de proxectos do calendario feiral. Xa non falamos de compatibilidade da actividade feiral coa deportiva porque xa o deporte é un piar básico da nosa actividade ao longo de todo o ano».