Noticias

Importante reforzo para o Certame Literario de Piñor

Importante reforzo para o Certame Literario de Piñor que alcanza a súa 25º edición coa organización conxunta da Asociación Música e Cultura de Galicia e o Concello de Barbadás.

Cando na década de 1990 un grupo de mozos e mozas de Piñor puxeron en marcha o Certame Literario, poucos pensaron que chegaría tan lonxe. Á posta en marcha do Certame, uniuse tamén a creación naquel intre dunha sala de lectura en San Lourenzo de Piñor.

Importante reforzo para o Certame Literario de Piñor

O Certame Literario de Piñor foi gañando importancia co paso dos anos atraendo a autores de gran relevancia no mundo literario en lingua galega. “Durante estas 25 edicións o certame foi collendo presenza, prestixio e consolidándose polo que o nivel das últimas edicións foi moi alto”, indica Justo Calviño, presidente da Asociación Música e Cultura de Galicia. Esta asociación é quen mantivo en funcionamento este certame, promovendo en solitario a súa organización.

Coa incorporación do Concello de Barbadás como coorganizador, o certame da un paso adiante na súa tarefa de promover a Lingua e a Cultura Galega. Froito desta colaboración entre entidades, o certame incorpora unha terceira categoría para o alumnado de primaria. No acto de presentación, Justo Calviño, presidente de Música e Cultura de Galicia, Marga Pérez, concelleira de Cultura de Barbadás, e Victoria Morenza, tenente de alcalde de Barbadás, mostraron a súa satisfacción polo acordo.

Importante reforzo para o Certame Literario de Piñor
Foto: Barbadás.gal

«A implicación e colaboración do Concello de Barbadás no certame non só económicamente, senón tamén coorganizando» destacou Justo Calviño. O presidente da asociación quixo deixar claro que «ambas entidades ímonos beneficiar desta colaboración, pero o que vai gañar vai ser o certame en si e vai pisar máis forte no eido da nosa cultura e da nosa lingua para dignificala”.

Bases do XXV Certame Literario de Piñor

O Concello de Barbadás e a Asociación Música e Cultura de Galicia convocan o XXV Certame Literario de Piñor na especialidade de narracións breves.

Establécense tres categorías:

1 – Categoría A para participantes maiores de idade.
2 – Categoría B para participantes de 13 a 17 anos.
3 – Categoría C para participantes que formen parte do alumnado de Educación Primaria.

Premiaranse dous relatos en cada categoría:

1 – Na categoría A con 500 e 300 euros, respectivamente.
2 – Na categoría B con 200 e 100 euros, respectivamente.
3 – Na categoría C con 100 e 75 euros, respectivamente, que se outorgarán mediante bonos para a compra de material escolar.

Entregaranse ademais  en cada premio un diploma acreditativo do  galardón conseguido e un obsequio conmemorativo.

Para recibiren os seus galardóns as persoas premiadas deberán comparecer obrigatoriamente no acto de entrega de premios, perdendo ese dereito no caso contrario.

Ninguén poderá obter dous premios na presente edición deste certame, polo que no caso de ter puntuación suficiente para dous, outorgaráselle soamente o mais importante.

Un premio poderá ser declarado deserto cando o xurado así o determine e sempre por causa fundamentada.

Presentación dos traballos literarios

Os relatos, de temática libre, deberán ser orixinais, inéditos, en galego e non poderán estar xa premiados noutros certames. A súa extensión non excederá de 10 folios, por unha soa cara e con entreliñas de duplo espazo. Ademais deberán presentarse mecanografados e encabezados por un lema ou pseudónimo.

As narracións enviaranse por correo ordinario a algún dos seguintes enderezos:

  • Asociación Música e Cultura de Galicia (Rúa do Pito, 1. CP 32930. San Lourenzo de Piñor (Barbadás).
  • Casa Municipal da Cultura Manuel María. R/San Bernabé, 37.  CP 32002. A Valenzá (Barbadás).

Cada concursante meterá o seu relato dentro dun sobre, no que escribirá: PARA O XXV CERTAME LITERARIO DE PIÑOR. Xunto con el, deberá envia-los seus datos nun sobre pechado no que aparecerá pola súa parte externa, o lema ou pseudónimo, así como a categoría na que  participa. Dentro del, figurará o seu nome e apelidos, idade, enderezo, correo electrónico e número de teléfono.

Os relatos poderán ser enviados por correo electrónico a casacultura@barbadas.es ou a justocalvio@yahoo.es con dous arquivos Word, contendo o primeiro deles, denominado “relato”, a obra a concurso, o lema ou pseudónimo e a categoría na que participa; e o segundo, denominado “plica”, o lema ou pseudónimo e os datos persoais que se esixen no parágrafo anterior.

Prazos do certame

O prazo de admisión pecharase o venres, 27 de maio de 2022 ás 14 h.

O xurado estará formado por seis compoñentes e o seu ditame será inapelable

As persoas galardoadas deberán enviar por correo electrónico os seus relatos á organización do certame, antes da entrega de premios.

A entrega dos premios terá lugar o domingo, 5 de xuño de 2022, pola tarde, no Liceo da cidade de Ourense.

As narracións premiadas editaranse na revista Fervenza da Cultura, así como nas páxinas web e redes sociais do Concello de Barbadás e a Asociación Música e Cultura de Galicia, reservándose as entidades organizadoras o dereito de publicalos en libros e outros medios de difusión.

Destruiranse tódalas narracións presentadas ao certame, polo que non serán obxecto de devolución.

A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ao xurado e o feito de presentaren as súas obras supón a conformidade das persoas participantes coas presentes bases.

Ourense, 6 de abril de 2022

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.