A Asociación Tangaraño Cultural aporta unha valiosa información sobre a figura do Farrumeco, o seu comportamento e recomendacións para as persoas que se achegan para gozar desta figura do Entroido.
Desde Sobradelo (Xunqueira de Ambía), recórdanos varios detalles que caracterizan ó Farrumeco para que vaiamos preparados á xornada prevista para este sábado, 20 de xaneiro, no que esta figura típica do Entroido sairá polas rúas de Xunqueira de Ambía.
Información sobre o Farrumeco
En primeiro lugar, desde a AC Tangaraño Cultural indícannos a composición do traxe que leva o Farrumeco. Botas, saía ou vestidos, mandís, unha capa e un pano forman parte da vestimenta que completa unha careta de cor branca.
A maiores, o Farrumeco pode levar como adornos un colar de castañas, allos, cebolas ou bugallos mentres porta coas mans unha vasoira, unha berza ou un toxo.
Un aspecto fundamental dos Farrumecos é o seu comportamento. Durante o seu percorrido, estas figuras do Entroido levarán a cabo numerosas trastadas entre as que se atopan subir ós balcóns, cambiar as cousas de sitio, abrirlle ás pitas ou levantar saias.
Ante este comportamento dos Farrumecos, os visitantes deberán asumir que:
- non deben obstaculizar as carreiras ou trasnadas dos farrumecos,
- tampouco lle tirarán pola roupa nin lle botarán nada ó traxe,
- non lle pegarán ó Farrumeco,
- non lle quitarán as cousas que leva nin as que colle, xa as devolverá.