Ante a proximidade do Día do Libro, mostramos a lectura que recomenda Natalia González Beneitez, secretaria xeral do PSdeG-PSOE no concello de Ourense.
Ourensenarede pediulle que nos recomendase un libro que poida ser de interese para outras persoas e que nos indicase as razóns polas que o recomenda.
O Día do Libro é unha celebración significativa que promove a lectura, a educación e a cultura ao redor do mundo. Esta data especial resalta a importancia dos libros como fonte de coñecemento, imaxinación e entretemento, mentres honra o legado de grandes autores e obras literarias.
A lectura que recomenda Natalia González
As Malas Mulleres de Marilar Aleixandre (Premio Blanco Amor 2020 e Premio Nacional de Narrativa 2022).
As Malas Mulleres é unha ficción histórica que nos leva a finais do século XIX e que se centra dende distintos prismas no papel pioneiro de mulleres coñecidas e anónimas nos inicios do feminismo e da defensa dos dereitos das mulleres en Galicia e en España.
O libro é unha reivindicación da memoria das excluídas e presas nunha cárcere de A Coruña rexentada por monxas e personificada nos personaxes de Fefa e Sisca, vítimas das inxustas normas e leis dunha sociedade machista naquel entón.
Concepción Arenal e Juana de Vega, auténticas pioneiras da nosa historia, exercen na novela un traballo inxente na mellora da vida e dignificación destas persoas ante o claro abuso do patriarcado, abríndolles os ollos e inspirándoas a defender que as mulleres non só viñemos a este mundo a ser esposas e nais se non que cada unha temos dereito a escribir o destino das nosas vidas.
Unha obra chave para entender a historia do feminismo e o imprescindible da loita polos nosos dereitos, que chega ata a actualidade, onde non hai nin boas nin malas mulleres, hai mulleres con maiúsculas que temos a obriga de cambiar o mundo e a nosa propia historia para garantir o futuro dos e das que veñan detrás.