Colaboraciones

A lectura que recomenda Samuel Merino

Ante a proximidade do Día do Libro, mostramos a lectura que recomenda o poeta galego Samuel Merino.

Ourensenarede pediulle que nos recomendase un libro que poida ser de interese para outras persoas e que nos indicase as razóns polas que o recomenda.

O Día do Libro é unha celebración significativa que promove a lectura, a educación e a cultura ao redor do mundo. Esta data especial resalta a importancia dos libros como fonte de coñecemento, imaxinación e entretemento, mentres honra o legado de grandes autores e obras literarias.

A lectura que recomenda Samuel Merino

Foto: Samuel Merino

«Retratos de vodas, partos e funerais» (Silvia Penas. Ed. Galaxia. 2023).

A lectura que recomenda Samuel Merino

A recomendación, que vai de min ás posibles lectoras que aínda non se achegasen a este libro, vén motivada en primeiro lugar pola riqueza da obra e a capacidade da mesma para acertar coma un disparo no corazón e na cabeza. Un disparo que ben podería ser o da máquina xeradora de imaxes poéticas que é a escrita da autora viguesa.

Unha cámara que busca ese «outro modo de retratar» o que non pode ser captado na fotografía, e que incluso se dilúe no mesmo momento de ser escrito como se dilúe a imaxe fotográfica cando se interrompe o proceso de revelado. O camiño da imaxe á palabra, da escuridade á luz, é complexo.

E é que ler estes «Retratos» é como cantar en linguas que aínda non se inventaron, como canta ela o seu «Canto segundo para un fillo non nado» o seu «Canto terceiro para un pai en voo». Un cantar que é un escribir. Un escribir que é un retratar. Un retratar que é sempre, o intento de que algo permaneza de nós no futuro que se consome a medida que avanzamos, que escribimos, que sorrimos ante a cámara.

En segundo lugar, recomendo este libro porque estou convencido de que é o álbum de fotos colectivo de toda unha xeración de persoas que sorriron algunha vez ante a cámara co convencemento de que nada tiña sentido e, aínda así, seguiron buscando.
Unha xeración que construíu a súa identidade de xeito comunitario antes de que viñese unha pantalla a afastarnos do espello que atopamos nos ollos das nosas iguais.

Botón volver arriba