Eventos

Andén I acolle un Mercadiño de Arte especial de Nadal

O Mercadiño de Arte de Nadal de Andén I celebrarase o próximo sábado 21 de decembro en Ourense, cunha xornada dedicada ás artes plásticas, ao encontro directo entre creadoras e público e á promoción da arte como agasallo con valor cultural.

O evento terá lugar en horario continuo de 11.00 a 20.00 horas na sede de Andén I, situada na Avenida de Marín, s/n (Nave Renfe), fronte ao restaurante Antiga Letería, no barrio da Ponte.

Andén I acolle un Mercadiño de Arte especial de Nadal

Durante toda a xornada, as persoas asistentes poderán coñecer e mercar obras orixinais e edicións especiais de artistas locais, nun formato accesible e pensado para todos os públicos.

Andén I acolle un Mercadiño de Arte especial de Nadal

Desde a organización, David Gesto, membro da Asociación Cultural Andén I, explica que “o obxectivo é xuntar xente nova da escena da ilustración e das artes plásticas de Ourense, expoñer e poñer á venda obra de pequeno formato e para todos os petos, e pasar un día de Nadal arredor da arte, aproveitando para mercar agasallos co valor engadido do traballo feito por creadoras e creadores do noso entorno”.

Nesta edición participarán, entre outras e outros, Tati Pero, Uxía Mangana, Gabri Sink, Carmen Rey, Luca Log, María Piñal Trashorras, María Jesús Ballester, José Antonio Prieto, Eva Ragnarok e Eva González, configurando unha proposta plural que abrangue distintas linguaxes artísticas, técnicas e sensibilidades.

O Mercadiño de Arte de Andén I nace coa vontade de activar a escena das artes visuais de Ourense, fomentar a economía cultural de proximidade e ofrecer unha alternativa ao consumo convencional durante as festas. Baixo o lema “Estas festas, agasalla paixón, agasalla arte”, a iniciativa reivindica o valor simbólico, emocional e social da arte.

O evento está organizado por Andén I coa vocación de consolidarse como unha cita aberta, próxima e participativa dentro da programación cultural da cidade de Ourense durante o Nadal.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.