O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) volveu reclamar a aplicación dunha moratoria inmediata ás macrogranxas na comarca da Limia.
Advirten que a contaminación das augas xa supón “un perigo real para a saúde humana”.
O MEL pide unha moratoria ás macrogranxas na Limia
Este colectivo asegura que a industria cárnica debería ser a primeira interesada en apoiar esta medida. «Non hai futuro económico posible sobre unha base ambiental destruída” sinalan.

Nun comunicado, o MEL lembra que durante décadas “o Goberno galego e os partidos políticos asumiron a teoría de que todo vale para favorecer o agronegocio”. Isto derivou nunha situación insostíbel para os veciños e veciñas da Limia. “Vense obrigados a mercar auga embotellada mentres empresas privadas seguen contaminando sen consecuencias”.
A entidade ecoloxista reclama un cambio de rumbo inmediato. Denunciando que as Administracións “procrastinan sen avanzar nin na declaración de zona vulnerábel nin no estudo sanitario da poboación”. Insisten en que a moratoria tería custo cero tanto para o sector gandeiro como para a Administración. Ao mesmo tempo serviría como “principio de solución real” ao problema.
O papel das administracións
O MEL critica tamén a falta de reacción política: “Todas as Administracións fallaron, absolutamente todas, tamén os concellos que se libraron sen razón da sentenza do TSXG”. Con todo, valoran os “leves avances” no discurso público, como o recoñecemento do BNG da situación de alerta sanitaria e o exercicio de autocrítica do PSOE provincial.
No relativo á declaración de zona vulnerábel, o movemento ecoloxista denuncia a “prepotencia do partido de goberno e a condescendencia da oposición fronte ás alertas ecolóxicas, científicas e xudiciais”. Lembran que declarar a Limia zona vulnerábel sería simplemente oficializar unha realidade xa evidente, e permitiría aplicar o necesario Código de Boas Prácticas Agrarias.
“Quen se vai opoñer a que todos poidamos beber un vaso de auga limpa?”, pregúntanse desde o MEL. Afirman confiar en que agricultores, gandeiros e industria xa estean virando cara a un novo modelo máis sostible.
“O noso obxectivo segue sendo o mesmo: ríos vivos, terra fértil e augas limpas e saudábeis, porque coidar o solo e a auga é condición de supervivencia”, conclúen.