Mulleres na literatura – Alba de Evan
“Tecer a rede e non quedar atrapada nela, para crear o mundo, a túa vida, para rexer o teu destino, para nomear as avoas ao igual que os país, para debuxar liñas redes e non só liñas rectas, para ser tanto unha creadora coma unha limpadora, ser quen de cantar e non ser silenciada, retirar o veo e aparecer (…) “
Rebecca Solnit, Os homes explícanme cousas
Condenadas historicamente ao ostracismo, as mulleres lidiamos aínda no século XXI contra as barreiras que invisibilizan a nosa labor na historia, na arte e na ciencia.
Tamén na literatura permanecemos invisibilizadas, ocultas baixo pseudónimos masculinos, o nome dos maridos, ou como recollen as palabras da gran escritora novelista Virginia Woolf, para a maior parte da Historia, Anónimo era unha muller.
Moitas afamadas escritoras esconderon o seu sexo baixo siglas ambiguas, como as irmás Brontë, ou incluso remitíndonos a fenómenos literarios máis recentes, J.K. Rowling, que incluso ten un segundo nome artístico en clave masculina, Robert Galbraith.
Esta falta de presenza feminina xustificábase facéndoa culpable dun intelecto inferior ao dos homes, ou de tratar temas pouco relevantes. Sen dúbida, os temas máis intimistas que trataban as mulleres, restrinxidas ao ámbito doméstico, eran demasiado sentimentais para unha sociedade que observaba a delicadeza e expresións das emocións coma unha falta.
Podemos percibir isto aínda, se nos fixamos ben, no certo desprezo co que se tildan xéneros de femininos, como é o caso da literatura romántico-erótica. Como se os homes non gozasen do amor, do erotismo e da paixón.
A esta ausencia na autoría, terreo que comeza a ser recuperado nos séculos XVIII e XIX, podemos sumar o absoluto baleiro de mulleres merecedoras de grandes premios literarios. Das 117 persoas merecedoras do Premio Nobel de Literatura, soamente 16 foron mulleres. Un miserable 10% para quen configura o 50% da poboación. Porén, non fal falla viaxar a terras suecas para velo, aquí en Galicia, dos 59 homenaxeados nas Letras Galegas, tan só 5 nomes de muller abrollan: Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Victoria Moreno e Xela Arias.
Certamente semella que hoxe a tendencia está a mudar. Nomes de muller inundan as estanterías das librarías, e resoan nas salas onde se deciden os galardóns. Sen dúbida queda moito camiño por percorrer, pero estou segura que non volveremos a desaparecer, recuperando con paso firme o lugar que nos corresponde e desbotando, esperemos que para sempre, a arañeira cotiá que desdebuxaba a nosa imaxe e borraba as nosas verbas.
Alba de Evan – escritora