Colaboraciones

Non é cuestión de gustos, señor Jácome, é cuestión de dereitos

Non é cuestión de gustos, señor Jácome, é cuestión de dereitos. – Roberto Pascual – Profesor e especialista en xestión cultural

Cando certos servizos públicos se queren privatizar, cando un político decide desfacerse de certas obrigas que conlevan atención á diversidade, inclusión, participación cidadá, promoción do acceso diverso, erradicación das desigualdades, etc… acostuma usar eufemismos para intentar gañar o favor da opinión pública: poñer en valor o servizo, facelo máis eficiente, mellorar a súa calidade, darlle máis atractivo…

Ás veces, a comunicación política, dependendo da profesionalidade, do seu estilo e nivel, emprega acertada ou torpemente tamén mentiras, noticias falsas, manipulacións, imprecisións… Moitas veces, tamén, cando certa situación se quere presentar como insostible, precaria, débil, mellorable profesionalmente, acontece que se está a xestar unha fórmula máxica por detrás que, coma as setas alucinóxenas, teñen un efecto narcotizante temporal e de moi curto percorrido para o ben común.

O Auditorio Municipal de Ourense é o único servizo público para a actividade de artes escénicas e musicais de competencia municipal. Cancelar a súa programación foi unha equivocación, sostida con falsidades por parte dun alcalde que comunica a golpe de Twitter, dicindo que estaba no certo, que o critican a el, vítima da esquerda e do sector cultural, pois a Concellería de Cultura de Lugo tamén fixo o mesmo mantendo o auditorio pechado por mor da COVID e a redución dos aforos. Falso. No Concello de Lugo mantívose sempre aberto o auditorio municipal Gustavo Freire con todas as actividades programadas durante o período autorizado e cos aforos estipulados polas autoridades públicas.

Concertos, a Mostra de Teatro de Teatro Clásico e outras actividades reforzaron o compromiso coa cidadanía en tempos complexos, onde a cultura resolve e apoia outros servizos sanitarios, educativos e económicos que a acción pública coordinada entre departamentos debe levar a cabo sempre, máxime nunha situación de recuperación social coma a que estamos vivindo.

Non é cuestión de gustos, señor Jácome, é cuestión de dereitos
Non é cuestión de gustos, señor Jácome, é cuestión de dereitos

Despois dese desatino irresponsable, chega unha nova torpeza que pode ter graves consecuencias para:

  1. As arcas públicas, pois para licitar unha externalización do servizo hai que levar a cabo un plan de viabilidade do negocio, non da atención aos dereitos de todos os ourensáns nin da dinamización socioeconómica paralela. Algo que pode parecer un aforro, acaba xerando novas necesidades e inxección de diñeiro público no futuro…
  2. A economía de todas as persoas de Ourense. Quen poida, que pague a delicatessen, acostuma dicir Pérez Jácome. Quen non poida, ¿que dereito lle asiste? Porque para manter o negocio sen axuda pública hai que subir as entradas coma en Broadway, que é o único modelo que lle gusta ao noso rexedor ourensán…
  3. O mantemento dos valores e calidades existentes, como a excelente calidade do persoal técnico do Auditorio, contrastado e loado pola maioría de persoas usuarias do servizo. ¿Estamos para adanismos e prácticas tan destrutivas de valores tan grandes como a perda do capital humano e profesional do persoal técnico do Auditorio de Ourense?
  4. A innovación na xestión cultural, a colaboración institucional e a atención á maioría dende a inclusión tamén de todas as minorías e o seu desenvolvemento.

Para intentar sustentar esta conversión da cultura pública en “show business”, o propio Concello lanza unha nota de prensa coas mesmas incorreccións que é preciso desmentir dende a profesionalidade e o rigor que non acompañan a ese organismo.

Indícase que “en Madrid, até os Teatros del Canal, da Comunidade Autónoma, están tamén externalizados”. Falso de novo. Os Teatros del Canal son públicos, dependen dos plans e estratexias da Consejería de Cultura, quen designou a Dirección Artística de Blanca Li como a actual responsable deste espazo público que ten unha liña de programación delegada á empresa Clece para o negocio do entretemento. Unha fórmula mixta que garante a acción pública, os deberes e mandados do organismo autonómico en materia cultural e a capacidade de intervención pública para a procura de fins sociais e mellora dos aspectos comunitarios. Criticable que se lle conceda parte dun espazo construído con diñeiro público a unha empresa privada para o seu lucro individual, pero en calquera caso a administración pública resérvase a parte maioritaria da súa xestión e explotación para o ben común e o cumprimento dos seus deberes.

En definitiva, hai varios modelos públicos de xestión cultural no mundo: o modelo de excepción cultural de Jacques Lang, o modelo cooperativo de Peter Stein, o modelo das residencias dos teatros polacos, incluso o modelo liberal de Thomas Krens que se aplica nalgún ámbito público… Pero sexa cal sexa o modelo, o que nunca pode esquecer un responsable público son as obrigas e dereitos cívicos, a promoción (non só a exhibición), a dinamización de novas persoas espectadoras e dinámicas (sobre todo dirixidas á xuventude), a potenciación de cidades creativas (evitando os extremos, dende a perigosa política de cultura gratuíta ata a insostible cultura de entretemento a prezos excesivos).

O caldo de cultivo dunha política teatral errática en Galicia dá estes froitos perversos en Ourense, unha idea da cultura como entertainment que desconsidera a realidade do contexto (Ourense non é Londres nin ten o turismo de musicais de New York), despreza a artistas locais e insulta a traballadores públicos coma se todos fosen un gasto excesivo e uns incompetentes.

Publicaciones relacionadas

Poñer en valor, entón, non é buscar o que gusta á maioría coma un polo sen cabeza, nin desprenderse de equipos válidos, nin das obrigas. Poñer en valor é axustar e mellorar, propor unha liña de acción coordinada, buscar incluso novas fórmulas de programación, acción e mediación ou convocar se se quere direccións artísticas por catro, oito ou doce anos con diversos programas e liñas de traballo profesional de xestión, mercadotecnia e avaliación, pero sen esquecer os dereitos do noso sistema público e as responsabilidades de cada quen.

Roberto PascualProfesor e especialista en xestión cultural

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba