O Concello de Ribadavia realizará en breve unhas obras de mellora na Igrexa da Madalena tras recibir a confirmación dunha achega económica de 30.000 euros.
A Igrexa da Madalena converteuse nos últimos tempos nun lugar de encontro de numerosas actividades culturais, comerciais e turísticas que se levan a cabo en Ribadavia. A intensa actividade que o mundo da cultura ou a viticultura (entre outros) ten na vila de Ribadavia, sempre atopa nesta igrexa un espazo onde poder realizar algunha actividade.
É frecuente atopar actos durante a celebración de festas tan arraigadas en Ribadavia como a Festa da Istoria, a MIT, ou a Feira do Viño. Recentemente, foi o lugar escollido para a presentación do 5º volume da revista «Nós, a xente do redor».
Obras de mellora na Igrexa da Madalena
Para poder realizar as actuacións previstas, o pleno realizou unha sesión extraordinaria que permitiu aprobar unha modificación de crédito. As obras, cun orzamento de 31.720 euros estarán baixo a supervisión da xefatura de Cultura e Patrimonio.
Tanto no exterior como no interior da igrexa, son varias as accións a realizar para mellorar o estado actual da infraestrutura e favorecer a súa conservación.
Labores previstas no interior da igrexa:
- Restauración do solo de madeira da antiga sancristía,
- Substitución da fiestra e a porta da antiga sancristía por unhas novas de madeira,
- Instalación dunha porta de madeira no acceso ó almacén,
- Reparación do lintel de pedra da Sancristía con rexina epoxídica,
- Restauración do solo da nave e a ábsida.
Labores previstas no exterior da igrexa:
- Limpeza do tellado, recolocación de tellas e eliminación da vexetación existente,
- Instalación dunha lámina de chumbo na xunta entre os faldróns da cuberta e o paramento vertical da ábsida,
- Limpeza da vexetación existente na torres e nas escaleiras de acceso,
- Limpeza de pintadas na fachada,
- Renovación da tapa do contador de auga,
- Restauración e pintado da varanda das escaleiras de acceso á torre e das da propia torre.