O malestar co alcalde de Ribadavia medra entre os veciños de Francelos pola retirada do apoio á Levada veciñal, símbolo do compromiso colectivo co aforro e a xestión sostible da auga.
Esta fin de semana, durante a tradicional xuntanza anual dos regantes, a indignación era palpable tras coñecerse a supresión dunha subvención municipal de 3.000 euros que ata agora axudaba a manter este sistema comunal de regadío.
Veciños de Francelos reclaman o apoio do Concello á súa levada
A veciñanza de Francelos, parroquia do concello de Ribadavia, vén de expresar un fondo malestar co goberno municipal polo que consideran un desprezo á Comunidade de Regantes da Levada veciñal.
Segundo denunciou Ribeiro en Común, case todo o pobo participa nesta levada, que non só representa unha ferramenta de rego ancestral e ecolóxica, senón tamén un exemplo de traballo colectivo e voluntario. A retirada da subvención súmase á falta de apoio municipal en cuestións básicas como a achega de material, gasolina ou outros funxibles necesarios para as tarefas de mantemento.
O concelleiro Brais Fidalgo anunciou que levará ao vindeiro pleno unha moción para esixir que o Concello recupere a colaboración económica coa asociación de regantes de Francelos. Lembrou que no anterior mandato, por iniciativa da concellaría de Facenda, creouse unha partida específica nos orzamentos municipais para apoiar esta actividade fundamental.

Ribeiro en Común reclama que se recoñeza oficialmente o valor ambiental, económico e social da Levada, así como da asociación que a xestiona. A crítica acentúase polo feito de que esta decisión coincide cunha subida xeneralizada e “inxustificada” da taxa municipal da auga para 2025. Nalgúns casos aumenta case o dobre mentres se elimina unha axuda que supón un investimento mínimo para o Concello.
A veciñanza alerta de que o verdadeiro dano non é só económico, senón emocional e simbólico, xa que interpretan a actitude do alcalde como un desprezo directo ao esforzo colectivo que, durante anos, permitiu manter unha infraestrutura que aforra recursos e fortalece os lazos comunitarios.
A moción presentada recolle dúas demandas claras:
- Que o Concello recoñeza a importancia da Asociación de Regantes de Francelos e retome a colaboración económica con ela.
- Que se aprobe unha modificación orzamentaria para incluír unha partida específica no documento de orzamentos municipais de 2025.