O Festival Arteficial celebrará os días 4 e 5 de setembro en Ribadavia a súa 20ª edición, cunha programación que combinará música alternativa, actividades culturais, obradoiros e propostas para todos os públicos en diferentes espazos da vila.
Este festival, consolidado como unha das citas de referencia da cultura alternativa no interior de Galicia, reunirá artistas galegos, nacionais e internacionais. O cartel inclúe nomes como Basic Partner, Scúru Fitchádu, San La Muerte Cumbia Club, La Rate Tímide, Su Garrido Pombo, Peitoescuro, AO, DJ Ferromona, DJ Grima, Sapoconcho Semponcho e DJ BalConde.
Ribadavia acolle a 20ª edición do Festival Arteficial
A programación comezará o venres 4 de setembro no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Entre as 11:00 e as 14:00 h poderá visitarse a imprenta tradicional El Ribadaviense, fundada en 1870. Pola tarde terá lugar o taller de creación musical Son Electrónico, dirixido por Pablo Puentes e Jesús Jara, antes dos concertos de DJ Grima e Su Garrido Pombo.

Un sábado con música e actividades para todas as idades
O sábado 5 de setembro, o festival trasladarase principalmente ao barrio da Madalena, entre Madalena e Buxán, con diferentes escenarios. En caso de choiva, a programación desenvolverase nunha carpa instalada na Praza Maior.

A xornada incluirá o Mercado das Sementes, entre as 12:00 e as 20:00 h, con propostas artesanais e artísticas de proximidade. Tamén se celebrará o obradoiro interxeracional Coas mans no pasado: a cerámica e os tecidos e o tradicional pasarrúas de Airiños e Xigantes con Cabezudos, con Don Pedro e Dona Ana.
A programación musical comezará ao mediodía con DJ Grima e Peitoescuro. Ao longo da tarde pasarán polos diferentes escenarios BalConde DJs, AO, La Rate Tímide, DJ Ferromona e Basic Partner. A noite continuará coa actuación de Scúru Fitchádu, prevista ás 21:30 h.
A partir das 23:00 h, a actividade trasladarase á Igrexa de Santa María da Oliveira. DJ Sapoconcho Semponcho abrirá a sesión nocturna, seguido de San La Muerte Cumbia Club, entre as 00:00 e as 01:30 h. A programación rematará cunha nova sesión de Sapoconcho Semponcho.

As actividades con inscrición previa contan con prazas limitadas, polo que a organización recomenda reservar con antelación.

