Desde o PSdeG-PSOE piden mediante unha moción un compromiso por parte do PP para non privatizar a recollida e tratamento de residuos que a Deputación Provincial de Ourense presta a numerosos concellos.
Piden un compromiso para non privatizar a recollida de residuos
«Somos contrarios á conversión deste servizo público nun negocio privado a través da súa adxudicación a unha sociedade mercantil, que significaría o empeoramento do servizo, deterioro das condicións dos traballadores e encarecemento da prestación» indica Álvaro Vila, voceiro socialista na institución provincial.
Un total de 74 concellos da provincia delegaron na Deputación de Ourense o servizo de recollida e tratamento de lixo. Estes concellos supoñen o 80% dos 92 que ten a provincia e suman máis de 200.000 veciños. «É fundamental reforzar este servizo a través dun pulo público e non a través da imposición dun carácter mercantil, con ánimo de lucro, menos transparente, menos sostible e nada participativo».
Tras un primeiro intento realizado no ano 2021 para privatizar este servizo, o PSdeG-PSOE pide un «compromiso» por parte do PP para non realizar ningunha iniciativa que supoña a privatización do mesmo.