Noticias

O PSdeG esixe á Xunta un plan urxente de climatización sanitaria en Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense instou á Xunta de Galicia a activar con carácter de urxencia un plan específico para garantir a climatización axeitada nos centros de saúde e hospitais da provincia.

A formación socialista denuncia que, coa chegada das altas temperaturas, a situación “é límite” en moitos espazos asistenciais. Estes espazos padecen condicións térmicas extremas pola ausencia de sistemas adecuados ou polo seu deterioro.

O PSdeG esixe á Xunta un plan urxente de climatización sanitaria en Ourense

As socialistas advirten que esta situación foi xa alertada polo comité intercentros o pasado verán, sen que se tomaran medidas. “Non se moveu un só dedo para poñer solucións, e un verán máis a saúde de profesionais e pacientes, especialmente os máis vulnerables, está en risco”, denuncian.

O PSdeG esixe á Xunta un plan urxente de climatización sanitaria en Ourense
Foto: PSdeG

Os centros máis afectados inclúen os de Ribadavia, Xinzo de Limia (área de fisioterapia), O Carballiño, Maceda, Amoeiro, Cea, Cartelle, Xunqueira de Ambía, Celanova e Leiro, así como o Hospital Piñor e os edificios Cristal e Santa María Nai do CHUO, onde se superan os 30 graos, chegando incluso a 32.

A deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta desprazouse ao centro de saúde de Ribadavia para comprobar a situación e advertiu da gravidade. “Estamos ante un perigo extremo para persoas maiores, nenos, pacientes crónicos e tamén para os profesionais sanitarios” sinalou Rodríguez Dacosta. A deputada anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento galego para demandar solucións inmediatas, tanto definitivas como provisionais para este verán.

Pola súa banda, a secretaria provincial de Sanidade e concelleira socialista en Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, criticou que os máis de 700.000 euros investidos pola Xunta no centro de saúde de Ribadavia “foron un lavado de cara no que non se tivo en conta a eficiencia enerxética nin a seguridade laboral do persoal”.

O PSdeG tamén solicita que a Xunta dote de forma inmediata a estes centros dos medios necesarios para garantir condicións mínimas de benestar. Tamén solicitan que presente no Parlamento un informe detallado sobre a situación actual dos sistemas de climatización, incluíndo actuacións feitas, pendentes e orzamentos asignados.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.