O PSdeG-PSOE da Merca levou ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia unha obra de 200.000 euros pola posible existencia de irregularidades contables e incumprimentos da normativa de contratación pública.
O voceiro socialista, Carlos Sousa, presentou documentación segundo a cal o Concello certificou que non existía expediente administrativo, proxecto ou contrato para executar o monumento Estatua Libertad Miguel Ángel Blanco. A factura inicial, emitida en 2023 ao Concello, non foi aboada.
O PSOE da Merca denuncia unha obra de 200.000 euros
En abril de 2024, o mesmo provedor emitiu unha nova factura polo mesmo importe á Deputación de Ourense. Esta institución asumiu o pagamento mediante un recoñecemento extraxudicial de créditos. Segundo o PSOE, a Intervención provincial advertiu de posibles causas de nulidade derivadas do incumprimento da normativa de contratación.

A denuncia tamén cuestiona a intervención de Rosendo Luís Fernández, daquela deputado provincial e concelleiro da Merca, na tramitación dunha subvención inicialmente prevista para financiar a actuación. Os socialistas consideran que debe analizarse o cumprimento das obrigas de abstención.
Sousa asegura que o PSOE “non cuestiona a homenaxe, senón a maneira na que se decidiu facer e pagar”. Reclama que os órganos fiscalizadores determinen se existen responsabilidades. O grupo municipal tamén se reserva outras accións legais en función das conclusións da investigación.

