O Grupo Municipal Socialista de Xinzo de Limia, liderado por Elvira Lama Fernández, presentou unha moción para o vindeiro pleno na que reclama ao goberno local “solucións urxentes” ante os problemas de aparcamento que sofren os residentes da avenida de Ourense desde o inicio das obras de humanización da N-525.
“É fundamental que o Concello procure as maiores comodidades para os veciños afectados e tamén ordene o número de vehículos que hai nesta zona”, sinalou Lama.
O PSOE de Xinzo pide solucións ao aparcamento pola humanización da N-525
As obras, financiadas polo Goberno central a través dos fondos NextGenerationEU cun orzamento de 3,9 millóns de euros, pretenden converter a N-525 nunha vía moderna e accesible. O proxecto foi impulsado no anterior mandato por Elvira Lama, e inclúe actuacións desde a rotonda da avenida de Celanova ata o IES Cidade de Antioquía, con dúas novas rotondas previstas.

Porén, a parte inicial do tramo, en dirección a Ourense, concentra unha elevada densidade de vivendas cuxos residentes estacionan habitualmente en batería. A realización das obras deixou inutilizables estas prazas, obrigando aos veciños a procurar alternativas afastadas dos seus domicilios.
“Non podemos permitir que os veciños sexan os grandes prexudicados duns traballos necesarios e positivos, pero mal planificados en termos de impacto veciñal”, criticou Lama, reclamando ao executivo local maior diálogo e previsión.
Propostas concretas do PSOE
A moción socialista inclúe medidas urxentes e viables para paliar a situación. Entre elas, habilitar unha finca na marxe esquerda, preto do hipermercado chinés, como aparcadoiro provisional para os edificios colindantes. Outra opción sería utilizar un solar situado entre as rúas Santa Mariña e Dr. Casto, propiedade da Consellería do Medio Rural, solicitando a súa cesión temporal.
Tamén se propón negociar cos donos dos terreos cesións mediante contratos de arrendamento equivalentes ao IBI, así como destinar unha partida orzamentaria urxente para acondicionar os espazos seleccionados.
“Reclamamos ao goberno local maior previsión e diálogo coa veciñanza para minimizar os trastornos derivados das obras de mellora urbana”, concluíu Elvira Lama, quen instou ao executivo a actuar con responsabilidade e compromiso veciñal.