O vindeiro sábado 9 de agosto ás 21:30 horas, o escenario de San Roque, no Concello de Beade (Ourense), acollerá a representación da obra Running.
Esta comedia contemporánea reflexiona con humor sobre as relacións persoais, os límites da conciliación e a complexidade de comezar de novo na madurez.
Beade acolle a comedia galega “Running” sobre o amor na madurez
A entrada será de balde e está recomendada para maiores de 12 anos.

Esta función forma parte do programa da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, que busca fomentar o uso do galego a través de actividades culturais abertas á cidadanía.
Running arranca cun encontro entre Xulia e Román, dous adultos que acaban de coñecerse e que inician unha conversa por WhatsApp que os leva a preguntarse se é posible atopar tempo e espazo para o amor nunha vida repleta de responsabilidades. Entre fillos de anteriores relacións, nais divorciadas, avós en residencias, adolescentes en plena ebulición emocional e adultos atrapados nas crises dos 40, 50 ou 60, a comedia pon sobre a mesa os dilemas do día a día, entre clases de ioga, danza jazz e a vida como “taxistas familiares”.
A obra propón un espello no que moitas persoas poden verse reflectidas: como encaixar as pezas dun quebracabezas familiar e vital no que sempre faltan horas, e no que quererse a un mesmo ou iniciar unha nova relación parece unha tarefa imposible.
Con claras referencias ao clásico drama de Romeo e Xulieta, pero cun ton desenfadado e actual, Running convida á reflexión sobre os novos modelos de familia e os retos emocionais da sociedade moderna, todo isto con altas doses de humor e retranca galega.