A Semana da Saúde que terá lugar en Pereiro de Aguiar entre os días 26 e 30 de setembro será un espazo de encontro entre os profesionais da saúde e a poboación.
As profesionais de Atención Primaria do Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar son as encargadas de organizar este evento sanitario. O concello de Pereiro de Aguiar colabora co evento que terá lugar no Auditorio dos Gozos.
Semana da Saúde en Pereiro de Aguiar
Entre os obxectivos marcados pola organización está o de facer comunidade fora das consultas. Establecer un vínculo entre os profesionais e a poboación para detectar mellor as necesidades sanitarias dos veciños do Pereiro.
A saúde integral ou o benestar emocional son algúns dos temas que se tratarán nas charlas previstas. Ana Parada, unha das organizadoras, destaca a necesidade de contar coa participación dun importante número de persoas.
No programa atoparemos persoas de especial relevancia en ámbitos como o sanitario ou o social. A psicóloga Ana Núñez ou o cociñeiro Miguel González son algunhas das persoas que participarán no evento. A entrada ó evento é de balde para todas as actividades que terán lugar cada tarde ás 17:30h.
Programa da Semana da Saúde
- Luns, 26 de setembro, «Prevención do ictus e do dano cerebral adquirido»
José Antonio Fernández Delgado (Educador Social en Renacer Ourense) - Martes, 27 de setembro, «Xestión emocional a través do Mindfulness»
Ana Núñez González (Directora do CIM do Pereiro) - Mércores, 28 de setembro, «Cociña Saudable»
Paula Castrillo (Master en innovación e nutrición saudable e tecnoloxía dos alimentos) e Miguel González (Chef do Restaurante «Miguel González» cunha estrela Michelín) - Xoves, 29 de setembro, «Boas prácticas no coidado do ancián fráxil»
Fina Castro e Ana Isabel Parada (enfermeiras do Centro de Saúde do Pereiro) - Venres, 30 de setembro, «Atención integral durante o ciclo vital das mulleres, saúde sexual, reprodutiva e climaterio. O papel da Matrona»
Victoria Pérez López (matrona do Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar)