O Centro de Día de Os Gozos acollerá do 26 ao 30 de maio a 3ª Semana da Saúde de O Pereiro de Aguiar.
Esta iniciativa está organizada polo persoal sanitario do Centro de Saúde da localidade co apoio da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O Pereiro promove hábitos saudables na súa Semana da Saúde
O evento incluirá charlas e mesas informativas abertas ao público para fomentar a saúde comunitaria.
A programación comeza o luns 26 coa charla «Agasalla vida – Prevención da enfermidade renal e doazón de órganos». Carmen Dorado, coordinadora de ALCER Ourense, e Raúl Auñón, vicepresidente da entidade ofrecerán esta charla. Ás 17:00 horas instalarase tamén unha mesa informativa da Asociación ALCER.
O martes 27 será a quenda de «Determinantes da lonxevidade en Galicia», con Pablo García Vázquez, presidente de Ourensividad, seguido dunha mesa informativa da Asociación AECC.
O mércores 28 desenvolverase un taller práctico de RCP básica e uso de desfibrilador (DESA) con profesionais sanitarios e técnicos de emerxencias, seguido doutra mesa informativa da AECC.
Na xornada do xoves 29, o sexólogo Luis Ángel Prieto Rosbisco abordará a relación entre «Sexualidade e estrés desde unha visión histórica». Ao remate da actividade ofrecerase información da Asociación AODEMPER.
O programa pecharase o venres 30 coa conferencia «A revolución xenómica: do proxecto Xenoma Humano ao proxecto Xenoma Galicia». Esta conferencia será a cargo do recoñecido investigador ourensán Ángel María Carracedo Álvarez, da Universidade de Santiago de Compostela.

Todas as actividades serán de acceso libre ata completar aforo.