O vindeiro 13 de xullo, a localidade de Loñoá acollerá a VI edición da Festa Etnográfica do Pereiro, unha xornada chea de actividades que reivindican o patrimonio cultural e as tradicións populares galegas.
O evento, organizado polo Concello do Pereiro de Aguiar coa colaboración da Deputación de Ourense, desenvolverase durante todo o día na contorna da Praza da Capela de San Antonio.
Loñoá acolle a sexta edición da súa festa etnográfica
A programación arrincará ás 11:00 horas coa apertura oficial e o inicio dos obradoiros de xogos populares e tradicionais no Centro Cultural Xaquín Lorenzo «Xocas», tanto para público infantil como adulto. Ao mesmo tempo terá lugar a recepción de autoridades, acompañada pola actuación musical do grupo Rebulir.

A xornada continuará ás 12:30 horas cunha representación teatral da peza “5 minutiños máis”, dirixida ao público familiar. Ás 13:30 terá lugar o primeiro sorteo de agasallos de artesanía, antes da pausa para o xantar.
Pola tarde, a festa retomarase ás 16:30 coa presenza da Tiktoker galega Leti da Taberna, quen presentará o seu espectáculo «Enredada». Ás 17:30 celebrarase o campionato de Billarda e Chave, seguido da entrega de premios e da actuación dos contacontos “Unha escóliña de lobas”.
A programación musical incluirá un concerto punk-infantil ás 18:00 horas, con Peter Punk e Brais das Hortas, seguido dunha foliada ás 19:00 a cargo do Grupo de Danzas Castro Floxo. Ás 20:00 realizarase o segundo sorteo de agasallos e pechará a festa a charanga “A Felga”.
Durante todo o día haberá exhibicións de oficios tradicionais como olaría, cestería, talla en madeira, apicultura, instrumentos musicais e tecido artesanal, entre outros. Tamén haberá obradoiros permanentes e un gran xogo teatralizado infantil titulado “Viaxe polo mundo dos contos”.