31 de outubro, Día de Homenaxe ás Vítimas do franquismo. Artigo de Xosé Lois Carrión, Secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humanos da CEM do PSdeG Ourense.
Unha persoa que sofre un dano, que resulta prexudicada por alguén, por algo, que é ferida ou morta, é unha vítima.
As persoas desaparecidas nunha guerra, metidas en cárceres e/ou campos de concentración, que son obrigadas a seren man de obra escrava en obras de construción públicas ou privadas, asasinadas por motivos ideolóxicos ou que polos seus ideais teñen que marcharen ao exilio, e as persoas, en feminino, vexadas, ás que se lles rouban os fillos ‘para salvalos’, todas elas e as súas familias son vítimas.
O Goberno presidido por Pedro Sánchez Pérez-Castejón sacou adiante a chamada “Lei de Memoria Democrática”, baseada nos principios de verdade, Xustiza, Reparación e Garantía de Non Repetición, que defende os valores democráticos e condena, por tanto, o golpe militar de 1936 e a posterior ditadura franquista.
O Senado aprobou -cos votos en contra de PP, Vox, C’s e UPN- a Lei de Memoria Democrática, publicada no BOE o pasado día 20 de outubro e que rexe dende o seguinte día. Trátase dunha lei humanitaria que está coas vítimas e que a xuízo de Félix Bolaños García, ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, merece un consenso amplo. ‘Non é de esquerdas nin dereitas, é pura humanidade’, dixo..
Tal aprobación constitúe un día inesquecible para a Democracia española, pasando definitivamente páxina da etapa máis negra, da guerra civil e da ditadura, abrazando e reivindicando agora o mellor da nosa historia: ás persoas que loitaron pola democracia.
31 de outubro, Día de Homenaxe ás Vítimas do franquismo
É unha lei que sitúa a todas as vítimas no centro da acción pública, que está con elas e consegue iniciar un novo camiño, situando a España ao mesmo nivel que outras democracias europeas e axustando o noso país aos principios de dereito internacional.
En definitiva, lembra e homenaxea a todas as vítimas causadas polo franquismo, fixándose datas concretas para o seu recordo e homenaxe: o 8 de maio, ás exiliadas, e hoxe, 31 de outubro, día no que hai 44 anos o Congreso dos Deputados aprobou a Constitución, é o elixido para honrar a todas as vítimas.
A práctica totalidade do Congreso votou a aprobación da Constitución española (325 sies; 14 abstencións e 6 votos non). Chegados a este punto cómpre lembrar que o partido liderado por Manuel Fraga, AP, forza da que xurde o actual PP, puxo ovos nas 3 opcións: 8 parlamentarios dixeron si, 5 votaron non e 3 abstivéronse. Por iso creo que hoxe segue moi vixente aquilo que canta Víctor Manuel:
“Cuando hablen de la patria
no olviden que es mejor,
sentirla a nuestro lado
que ser su salvador,
por repetir su nombre
no te armas de razón,
aquí cabemos todos
o no cabe ni Dios”.
Estar coas vítimas non é de esquerdas ou dereitas. É querer curar feridas que tristemente aínda están abertas. Alguén no seu san xuízo pode estar en contra diso?
Hoxe é o Día das Vítimas do franquismo. Honrémolas como merecen!
Xosé Lois Carrión
Secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humanos da CEM do PSdeG Ourense