Dende o PSdeG-PSOE reclaman unha reunión urxente da Xunta Local de Seguridade ante a onda de vandalismo que está a suceder na Ponte.
«Medidas urxentes e extraordinarias para garantir a seguridade e protección das veciñas e veciños afectados» é a petición que realizan dende o grupo socialista ante unha problemática que «empeora semana tras semana».
Reclaman unha reunión urxente ante a onda de vandalismo na Ponte
O último acto delituoso foi un atraco sufrido nunha froitería situada no cruce entre a rúa San Paio e a rúa San Rosendo. Este suceso súmase ós danos sufridos por varios vehículos nos últimos días. «Estamos a encadear xornadas de vandalismo nocturno polo que é preciso reclamar a coordinación e implicación das administracións públicas con competencias en materia de seguridade e orde público para a activación inmediata dun plan que permita restaurar a normalidade e pór fin a este lamentable episodio de violencia no barrio da Ponte».
Entre as posibles solucións para atallar esta situación está o aumento da presenza policial no barrio. «A veciñanza trasládanos que se sinte insegura, indefensa e con medo de saír á rúa polas noites con motivo da súbita e repentina avalancha de actos vandálicos nocturnos na zona».