Avante Ourense asegura que non participou na configuración da nova coalición formada por Ourense Mellor, Movemento Sumar Galicia, Verdes-Equo e Recortes Cero e confirma que continuará desenvolvendo o seu propio proxecto político.
A organización sinala que a reunión prevista cos promotores da candidatura non chegou a celebrarse e que non existe ningún acordo posterior que modifique a súa posición.
Avante Ourense mantén a súa autonomía política
O coordinador de Avante, Francisco Diéguez, reivindica o respecto á autonomía de cada organización: “A nosa decisión é continuar o noso propio camiño, con autonomía e pensando no mellor para Ourense”.

Avante tamén rexeita a posibilidade de incorporar persoas vinculadas á formación a título individual. O secretario de Organización, Ruymán Núñez, defende que os procesos de unidade deben construírse conxuntamente desde a súa orixe.
A formación dá así por pechada a cuestión e centrará o seu traballo no seu proxecto para Ourense, con especial atención aos servizos públicos, a vivenda, a igualdade e a transparencia.

