Noticias

Avante Ourense pide un estudo para crear unha rede de carrís bici segura

Avante Ourense solicitará ao Concello de Ourense a elaboración dun estudo técnico de viabilidade para crear unha rede de carrís bici continua, segura e conectada que permita comunicar os diferentes barrios da cidade.

A formación considera necesario deseñar unha planificación integral que conecte centros educativos, zonas comerciais e equipamentos públicos. Esta medida evitaría que as infraestruturas ciclistas se limiten a tramos illados.

Avante Ourense pide un estudo para crear unha rede de carrís bici segura

O escrito que presentará Avante Ourense reclama aos servizos técnicos municipais que analicen os posibles trazados, as condicións de seguridade viaria, as características das rúas e o custo das actuacións. Tamén pide estudar a súa integración coas infraestruturas existentes e coa Zona de Baixas Emisións (ZBE).

Avante Ourense pide un estudo para crear unha rede de carrís bici segura
Imaxe: Avante Ourense.

A proposta contempla establecer prioridades e valorar unha implantación progresiva da rede, tendo en conta as necesidades dos distintos barrios, a convivencia co transporte público e a actividade comercial.

Avante Ourense reclama ademais que o proceso conte coa participación da cidadanía e das entidades vinculadas á mobilidade sostible. A formación tamén solicita ao Goberno municipal unha resposta expresa ao seu escrito e información sobre as medidas que finalmente se adopten.

O portavoz de Avante Ourense, Francisco Diéguez, defende que a cidade debe apostar por unha planificación global.

“Non queremos carrís bici improvisados nin actuacións illadas. Queremos que o Concello estude seriamente como construír unha rede que permita desprazarse en bicicleta dunha punta a outra da cidade con seguridade”, sinala Diéguez.

O representante da formación engade que “Ourense non pode seguir dando as costas á mobilidade sostible”. Reclama ao Concello que estude, planifique e ofreza alternativas de mobilidade.

Botón volver arriba