Avante Ourense denuncia que a abstención do PSOE no pleno extraordinario deste xoves permitiu a aprobación definitiva dos Orzamentos municipais de 2026, por importe de 128,6 millóns de euros, presentados polo goberno de Gonzalo Pérez Jácome.
A formación considera especialmente criticable a decisión socialista tras meses de cuestionamentos á xestión do goberno municipal.
Avante cuestiona o papel do PSOE tras aprobarse os orzamentos de Jácome
O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, cualificou o pleno de «circo» e asegurou que a abstención do PSOE supón, ao seu xuízo, unha contradición coa súa oposición a Jácome.

«Non se pode estar meses criticando a Jácome e, cando chega o momento decisivo, mirar para outro lado e permitir que aprobe os seus orzamentos», afirmou Diéguez.
Durante a sesión, a portavoz socialista xustificou a abstención apelando á «responsabilidade coa cidade». Avante cuestiona este argumento e defende que, se os socialistas consideraban prexudiciais as contas municipais, deberían ter votado en contra.
A formación aproveitou tamén o debate para reivindicar a necesidade dunha «alternativa de esquerdas» no Concello de Ourense. Neste sentido, Diéguez anunciou que trasladará aos órganos e á militancia de Avante a posibilidade de concorrer ás próximas eleccións municipais.
A eventual candidatura, segundo explicou, dependería dun proceso de debate interno e tería como obxectivo ofrecer unha opción política propia centrada nos problemas da cidade.

