O PSOE de Ourense proporá no pleno ordinario deste venres crear o programa municipal de inmersión lingüística «Ourense en Inglés», cunha primeira edición piloto en 2027 dotada con 200.000 euros e un mínimo de 50 prazas para alumnado de 3º da ESO.
A iniciativa, segundo explican as socialistas, pretende facilitar unha experiencia educativa de tres semanas nun país de fala inglesa ao alumnado empadroado en Ourense e escolarizado en centros sostidos con fondos públicos, con independencia da situación económica das súas familias.
O PSOE propón «Ourense en Inglés» con 200.000 euros
Este programa combinaría formación lingüística, convivencia con familias de acollida, integración temporal nun centro educativo e actividades culturais. O PSOE propón que as achegas das familias sexan progresivas en función da renda per cápita, con máxima cobertura municipal para os fogares con menos recursos e posibles exencións.

A proposta toma como referencia o programa «Vigo en Inglés», que na edición de 2026 conta con 1.015 participantes e un orzamento de 3,28 millóns de euros. As socialistas defenden adaptar este modelo á dimensión e capacidade económica de Ourense e avaliar os resultados da primeira edición antes de ampliar as prazas.
Natalia González, voceira municipal do PSdeG, sinala que «a situación económica dunha familia non debe determinar se unha moza ou un mozo pode ou non acceder a unha experiencia educativa internacional» e reivindica a igualdade de oportunidades como parte das políticas municipais.
A proposta establece inicialmente un mínimo de 50 prazas, con posibilidade de chegar ás 60 en función do custo definitivo, e busca converter a iniciativa nun programa estable tras a súa fase piloto.

