PP, PSOE e BNG abandonaron este venres o Pleno do Concello de Ourense tras os enfrontamentos co alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e anunciaron que estudarán novas medidas.
Os tres grupos municipais da oposición abandonaron a sesión ordinaria do Pleno despois dos enfrontamentos protagonizados durante o debate coa Alcaldía. PP, PSdeG-PSOE e BNG denunciaron conxuntamente as formas empregadas polo alcalde e os insultos dirixidos aos integrantes da oposición.
PP, PSOE e BNG abandonan o Pleno por “dignidade”
As tres formacións aseguran que os insultos, interrupcións, faltas de respecto e ameazas forman parte dunha dinámica que, segundo sinalan, se mantén desde o inicio do mandato e que se intensificou nos últimos meses.

A oposición considera que durante a sesión deste venres se superaron os límites que, ao seu xuízo, poden tolerarse no funcionamento da Corporación municipal. Por este motivo, os tres grupos estudarán nos próximos días a adopción de novas medidas.
PP, PSOE e BNG sosteñen que a decisión de abandonar o Pleno responde non só á dignidade dos 17 concelleiros que integran a oposición, senón tamén ao respecto polas persoas ás que representan.

