O concello de Barbadás benefíciase do novo reparto de fondos da Deputación de Ourense que é considerado como «máis xusto».
Este novo modelo de reparto xurde das reivindicacións do grupo socialista segundo lembrou o alcalde de Barbadás.
Barbadás benefíciase do novo reparto de fondos da Deputación
Xosé Carlos Valcárcel sinalou que «grazas ao traballo do PSdeG-PSOE durante moitos anos, por fin acadamos que os cartos da Deputación, que son de toda a veciñanza, se distribúan equitativamente«.
Acompañado polas tenentes de alcalde Victoria Morenza e Marga Pérez, Valcárcel recibiu a deputados e deputadas provinciais do PSdeG-PSOE. Todos xuntos visitaron as obras que se están realizando na Rúa San Bernabé de recondución de augas fluviais.
Esta obra sufrágase con fondos do plan CooperOU da Deputación Provincial. «Necesidades coma esta obra na Valenzá, que se está a financiar con fondos da Deputación asignados ao Concello de Barbadás sobre parámetros xustos, como demografía, extensión e dispersión» destacou Victoria Morenza. «Sen estes fondos non sería posible esta recondución de augas a consecuencia da acumulación que se produce na rúa San Bernabé coas correntes que chegan da parte alta do Viso».
Valcarcel lembrou que «antes a distribución de recursos facíase a dedo, de xeito caciquil». O concello de Barbadás recibía unha achega de 77.000 euros que se incrementou co novo modelo a 361.306 euros que se incrementará finalmente a preto de medio millón de euros.