Luís Seara, portavoz do BNG no concello de Ourense, pide o cese do concelleiro de urbanismo trala sanción de 1.700€ derivada do accidente de tráfico do 18 de xullo.
«Sorprende que o Alcalde non soamente non o cesara inmediatamente senón que, xunto ao Concelleiro de Seguridade, fixeron o posible ao longo de todos estes meses para obstaculizar e impedir que se coñecera o acontecido» sinala Seara.
Luís Seara pide o cese do concelleiro de urbanismo
Para o voceiro nacionalista, esta situación supón razón suficiente para que «Lorenzo tivera presentado a súa dimisión ese mesmo día, algo que evidentemente no fixo, o que da mostras da catadura moral desta persoa».
Aquel 18 de xullo, Francisco Lorenzo tivo un accidente no barrio da Ponte. Segundo o atestado da Policía Local de Ourense, Lorenzo danou mobiliario urbano e puxo en risco a súa vida e a do resto de persoas da zona. A maiores, Lorenzo marchou do lugar antes de que chegaran os axentes de policía.
O expediente aberto por este incidente impón dúas sancións a Francisco Lorenzo. 200 euros por negarse a colaborar coa Policía Local e non facilitar a súa identidade e 500 euros e a retirada de seis puntos do carné de conducir por condución temeraria. Esta segunda sanción aumenta até os 1.500 euros por non identificar ó condutor do vehículo.
Destaca Seara que «os feitos entendemos que son de extrema gravidade á vista do relatado no atestado» e pregúntase «que razóns de peso pode ter Jácome para non cesalo?»