O BNG denuncia a falta de noticias sobre o acceso desde a estrada N-525 ó CHUO que foi anunciada no mes de agosto de 2023.
Esta vía de nova construción tería unha lonxitude de 640 metros e permitiría conectar a Avenida do Regato coa estrada N-525.
Sen noticias do acceso desde a N-525 ó CHUO
Naquel momento, 2 de agosto de 2023, anunciábase a licitación do proxecto cun orzamento de preto de cinco millóns de euros.
Luís Seara lembrou este anuncio e sinalou que «en canto coñecimos o proxecto, advertimos que o mesmo non é máis que un remendo que obvia o principal problema existente, o colapso da rúa Ramón Puga tendo en conta que autobuses, ambulancias, vehículos que acceden a urxencias e consultas, o tráfico ordinario que vai cara Barrocás e Rairo e os vehículos que entran e saen do aparcadoiro do Hospital están obrigados a acceder por unha vía dun único carril en cada sentido».
Ante esta situación, Seara pide «a construción total do vial de conexión entre a N-525 e Barrocás». Esta infraestrutura recollida no Plan Urbanístico que se está a tramitar ofrecería moitas vantaxes. «Contribuiría notablemente á mellora da mobilidade da cidade no seu conxunto e na contorna dunha das infraestruturas chave non soamente para o Concello de Ourense ou a súa área de influencia senón tamén para o resto da provincia como é o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense» destaca Seara.
Será este asunto o que recolla o BNG nunha moción que levará ó seguinte pleno do concello de Ourense. «Vai sendo hora de que a Xunta aposte por proxectos transformadores en Ourense e non polos proxectos de baixo custe».
Luís Seara remata sinalando que debe ser o concello que inste á xunta «a execución total do vial de conexión entre a N-525 e o barrio de Barrocás que figura no PXOM de 2013, actualmente en trámite e cuxo obxectivo é a mellora dos accesos ao CHUO e a desconxestión do tráfico nas rúas Marcelo Macías e Ramón Puga».