O Pavillón dos Remedios será escenario este domingo 13 de abril do XVII Torneo Primavera Cidade de Ourense, un dos eventos máis destacados da tempada en Galicia no ámbito da ximnasia rítmica e estética.
A cita reunirá a 591 ximnastas pertencentes a 21 clubs de toda Galicia, nunha xornada de intensa competición e exhibicións.
Ourense acolle o XVII Torneo Primavera de Ximnasia Rítmica
O torneo desenvolverase en dúas quendas: de 10:00 a 13:30 horas e de 14:50 a 18:00 horas, ocupando a cancha central do pavillón. Participarán deportistas de todos os niveis de competición, desde promoción e prebase ata nacional, tanto en modalidade individual como en conxuntos.
Ademais da competición oficial, haberá exhibicións dos clubs Pavillón, Escola Pavillón (Ourense, Ribadavia e Pereiro), Escolas Deportivas de Xinzo e Escolas Deportivas de Barbadás, amosando o traballo realizado nas escolas deportivas ao longo do curso.
Por parte do Club Ximnasia Pavillón, tomarán parte todos os conxuntos de nivel escolar en exhibición e competirán os equipos de promoción, prebase, base e absoluto, así como os catro equipos individuais absolutos, ximnastas individuais base nas categorías cadete e xuvenil, e tamén os representantes masculinos do club.

A xornada culminará cunha exhibición especial dos equipos cadete e xuvenil de estética nacional do Club Ximnasia Escola Pavillón, prevista ao remate da sesión da tarde.
Este torneo serve como antesala das competicións autonómicas e nacionais que se celebrarán ata o mes de xullo, consolidándose como unha cita imprescindible para a ximnasia galega.