Noticias

O BNG esixe explicacións pola demora na apertura do CAPD de Ourense

O BNG rexistrou iniciativas no Parlamento Galego para pedir explicacións á Xunta pola demora na apertura do CAPD de Ourense.

Segundo denunciaron, as instalacións seguen pechadas e sen prestar servizo, a pesar de que xa pasaron dous meses desde a súa adxudicación.

O BNG esixe explicacións pola demora na apertura do CAPD de Ourense

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, e o deputado Iago Tabarés, veñen de rexistrar no Parlamento Galego unha batería de iniciativas. O obxectivo é esixir á Xunta de Galiza respostas claras sobre o atraso na posta en marcha do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense.

O BNG esixe explicacións pola demora na apertura do CAPD de Ourense
Noa Presas. Foto: BNG

Presas cualificou a situación de “escandalosa” e lembrou que “primeiro o Partido Popular dicía que Ourense non precisaba un CAPD mentres abrían centros privados. Sinala Presas que «despois, atrasaron as obras durante anos, permitiron unha paralización dun ano, incumpriron a súa promesa dunha xestión pública directa e agora levan dous meses sen poñelo en funcionamento”.

A nacionalista apuntou tamén que o centro tiña que estar operativo en marzo de 2022, prazo que foi prorrogado a xaneiro de 2024. “Agora, dous meses despois da adxudicación que prevía a apertura en abril, segue pechado e sen visos de apertura”, denunciou. Advirte a deputada que esta situación “agrava a carga de ducias de familias que están pendentes de se poden ou non acceder a este recurso, especialmente no verán, unha época complexa para a conciliación e organización familiar”.

O BNG acusa á Xunta de falta de dilixencia e transparencia. A formación nacionalista denuncia que, malia que o Partido Popular asegurou que as obras estaban rematadas, “aínda se observa a presenza de obreiros no interior das instalacións”.

Diante desta situación, o grupo parlamentario nacionalista demanda que a Xunta explique os motivos do novo atraso. Tamén solcitan a posta en marcha o centro canto antes e a planificación dunha xestión pública directa para cando remate a vixente adxudicación. “É inadmisible que Ourense siga sendo o único territorio galego sen un centro desta natureza”, concluíu Presas.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.