O ourensán José Vázquez, do Club Ximnasia Pavillón Ourense, destacou no Campionato Nacional Masculino de Ximnasia Rítmica celebrado en Guadalajara os días 18 e 19 de xuño.
Vázquez acadou o 7º posto na clasificación xeral e conseguir un diploma nacional.
José Vázquez entra no top 10 nacional de rítmica
O ximnasta logrou este recoñecemento grazas á suma das súas puntuacións nos tres aparellos, nunha competición que reuniu aos mellores especialistas do país. Ademais, tivo un brillante inicio ao clasificarse como terceiro para a final de aro, proba na que finalmente rematou en 6ª posición, reafirmando o seu alto nivel competitivo.
Pola súa banda, o tamén representante do Club Pavillón, Eduardo Montero, completou unha competición notable, especialmente co exercicio de mazas, onde acadou o posto 20 nunha das categorías máis concorridas, a sénior.

O Club Ximnasia Pavillón Ourense celebra estes resultados como un fito importante para a súa sección masculina, consolidando o seu traballo e proxección no ámbito nacional.