As e os socialistas do Concello de Ourense lamentan que Democracia Ourensana (DO) desaproveitase a oportunidade de defender os dereitos sanitarios da cidade e da provincia no Parlamento de Galicia.
DO non apoiou a proposta do PSdeG para garantir por lei unha cita co médico de familia en menos de 48 horas.
O PSdeG critica a inacción de DO na defensa da sanidade pública en Ourense
A voceira socialista en Ourense, Natalia González, lembra que a iniciativa incluía medidas fundamentais como fixar legalmente ese prazo máximo para a atención primaria, recuperar as xerencias eliminadas polo PP en 2012, limitar o número de consultas por profesional para garantir unha atención digna, reforzar os centros máis tensionados e impedir o uso da sanidade privada como alternativa á pública.

González subliña a contradición entre os discursos de DO e a súa actuación no Parlamento: “Levan anos dicindo que Ourense está discriminada pola Xunta, pero cando teñen a posibilidade de defender os intereses da veciñanza, escollen gardar silencio”. A socialista critica que o deputado de DO declinase intervir no debate e se abstivese na votación, malia ser consciente de que “o sistema cae a cachos”.
Desde o PSdeG consideran que o deterioro da sanidade pública en Ourense, a terceira cidade de Galicia, é evidente, e piden a DO que abandone os eslóganes e pase á acción. “Temos profesionais excelentes, pero a falla de planificación e recursos está a colapsar o sistema”, afirma González, quen tamén censura a ausencia do alcalde e do seu equipo nas concentracións no CHUO en defensa do hospital Materno Infantil.

