A vila de Ribadavia converterase de novo no epicentro da palabra viva coa celebración da V edición de “Poesía en Riba”.
A igrexa da Madalena acolle o 1 e 2 de agosto un encontro con voces destacadas como Laura Sam, Emboscadas, Francisco Castro e Samuel Merino
Ribadavia acolle unha nova edición de Poesía en Riba
O evento organizado polo Museo Etnolóxico que terá lugar os días 1 e 2 de agosto ás 21:30 horas na igrexa da Madalena. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

O venres 1 abrirá o ciclo Laura Sam, recoñecida pola súa poesía performativa e intensidade escénica. Compartirá cartel esa noite co colectivo Emboscadas, que leva aos escenarios unha proposta literaria fresca, combativa e contemporánea.
O sábado 2 será a quenda de Francisco Castro, escritor e editor cunha ampla traxectoria nas letras galegas, e Samuel Merino, nova voz da poesía que achegará unha proposta persoal e directa.

“Poesía en Riba” consolídase como un espazo de referencia no calendario cultural estival de Ribadavia, ofrecendo cada ano unha programación que mestura creación, emoción e pensamento crítico nun escenario histórico como é a igrexa da Madalena.