Un grupo de 15 nenos e nenas participantes no Campamento Urbano Amencer visitaron este mércores a Subdelegación do Goberno en Ourense para conmemorar o seu tradicional “Día do Parlamento”.
A actividade, xa habitual neste campamento de verán, busca achegar o funcionamento das institucións aos máis novos dun xeito didáctico e participativo.
Cativos do Campamento Amencer viven o seu “Día do Parlamento” en Ourense
Durante a súa estancia nas instalacións da Subdelegación, os cativos realizaron un percorrido polas distintas oficinas, acompañados polo secretario xeral da institución, Manuel Arias. O responsable fixo de guía e explicoulles, con linguaxe accesible e próxima, cal é o labor cotián dos funcionarios e funcionarias do Estado.

Como parte central da xornada, os participantes protagonizaron unha sesión plenaria infantil, onde presentaron propostas propias e levaron a cabo unha votación simulada, reproducindo o funcionamento dunha cámara parlamentaria. Con esta actividade, os pequenos tiveron a oportunidade de experimentar de primeira man o proceso democrático e comprender a importancia da participación cidadá.
O “Día do Parlamento” consolídase así como unha ferramenta educativa que esperta a curiosidade institucional dos máis novos e reforza valores como a democracia, o respecto e o diálogo.