A provincia de Ourense volveu situarse no escaparate internacional do deporte de elite coa celebración da segunda etapa de La Vuelta Femenina 2026.
O percorrido, íntegramente ourensán entre Lobios e San Cibrao das Viñas, reuniu a representantes das distintas administracións e confirmou, unha vez máis, a capacidade do territorio para acoller grandes competicións do calendario internacional.
Ourense exhibe o seu potencial con “La Vuelta Femenina”
A etapa, de 109 quilómetros, levou ao pelotón por concellos como Muíños, Bande, Verea, Celanova, Cartelle, A Merca e Taboadela, antes de rematar en Reboredo, no municipio de San Cibrao das Viñas. Alí, a ciclista belga Shari Bossuyt (AG Insurance-Soudal Team) impúxose ao sprint.

No transcurso da xornada, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou no corte de cinta e na entrega de premios. Pardo destacou que a presenza dunha competición consolidada no calendario WorldTour. “É unha mostra do compromiso da Xunta cos grandes eventos deportivos que impulsan o turismo e a proxección internacional da provincia de Ourense”.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistiu á chegada da etapa en Reboredo. Alí puxo en valor o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, especialmente da Garda Civil de Tráfico, pola súa experiencia na organización e seguridade deste tipo de eventos. Ademais, felicitou á vencedora da etapa e trasladou os seus mellores desexos ás participantes para as seguintes xornadas da competición.
Un gran escenario
Tamén o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, estivo presente tanto na saída en Lobios como na meta en San Cibrao das Viñas. Menor subliñou que a provincia “é un grandísimo escenario para o deporte de alta competición”. Tamén asegurou que acoller eventos desta dimensión constitúe “unha das mellores tarxetas de visita da nosa provincia ao mundo”.
“Temos a orografía, as estradas e a capacidade loxística para acoller os eventos máis esixentes do calendario internacional”, afirmou Menor tras o remate da proba.
O presidente provincial incidiu ademais no valor social da cita. Sinalou que o apoio institucional a La Vuelta Femenina responde tamén a un compromiso coa igualdade e coa visibilidade do deporte feminino. “Cremos que apoiar ‘La Vuelta Femenina’ é unha cuestión de convicción”, destacou, engadindo que a proba permite ás rapazas ourensás coñecer referentes deportivos de primeiro nivel competindo nas súas propias estradas.

