O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, participou no acto de toma de posesión do tenente coronel Pablo Samaniego Pérez, que asume o mando do Batallón de Intervención V da Unidade Militar de Emerxencias (UME) na Base Conde de Gazola.
O relevo formalizouse coa entrega do mando por parte do seu antecesor, o tenente coronel Daniel Constantino Casado.
Pablo Samaniego asume o mando do Batallón V da UME
Durante o acto, Eladio Santos felicitou ao novo xefe e ofreceulle o respaldo da Subdelegación do Goberno en Ourense e da Delegación do Goberno en Galicia para o desempeño das súas funcións. “Desexámoslle moitos éxitos nesta etapa e contará sempre co noso apoio”, afirmou.

O subdelegado tamén aproveitou para agradecer a labor desenvolvida polo tenente coronel Casado á fronte do Quinto Batallón, especialmente no control dos incendios forestais durante o verán. “A súa entrega foi total e desde Ourense estamos eternamente agradecidos polo traballo realizado, que confirma que a UME é un corpo profesional, preparado e necesario”, destacou Santos.

