Noticias

A Subdelegación do Goberno convoca o 41º Concurso da Constitución en Ourense

A Subdelegación do Goberno en Ourense acolleu hoxe a presentación da 41ª edición do tradicional Concurso da Constitución.

Esta iniciativa busca fomentar entre o alumnado o coñecemento e os valores da Carta Magna.

A Subdelegación do Goberno convoca o 41º Concurso da Constitución en Ourense

Nesta ocasión, os traballos deberán tratar sobre o artigo 45.2, centrado na defensa do medio ambiente e na utilización racional dos recursos naturais.

A Subdelegación do Goberno convoca o 41º Concurso da Constitución en Ourense
Foto: Subdelegación

O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou a vixencia deste artigo “nun contexto de emerxencia climática e tras a devastación provocada polos lumes do pasado verán”. “O territorio queimado este ano recórdanos o deber de coidar o noso medio natural e, sobre todo, que o que se esquece, se repite”, subliñou Santos.

Na súa intervención, o representante estatal puxo tamén en valor a traxectoria do certame, que cumpre 41 anos como referente na divulgación da Constitución española. “A nosa Carta Magna é un pacto histórico que nos lembra que todos formamos parte dun proxecto común: unha sociedade libre, respectuosa e solidaria”, apuntou.

Éxito da edición de 2024

O concurso, que o pasado ano reuniu 1.719 traballos de 33 centros educativos da provincia, aspira nesta edición a superar esa cifra. Para iso, as bases foron remitidas a máis de 150 centros de Ourense. O prazo de presentación de propostas rematará o 14 de novembro ás 14:00 horas.

O secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, explicou que os participantes de educación infantil, primaria e educación especial poderán presentar un debuxo ou traballo artístico.Os alumnos de ESO, bacharelato, formación profesional e universidade deberán optar por unha fotografía ou un vídeo de ata un minuto de duración.

Os premios entregaranse o 6 de decembro, coincidindo coa festividade da Constitución, durante un acto institucional. Todos os gañadores recibirán un exemplar da Carta Magna e diferentes agasallos. Os máis pequenos, un obsequio didáctico; e os das categorías superiores, un bono cultural ou tecnolóxico de 400 euros para gastar en establecementos adheridos ao programa estatal.

O xurado estará composto por representantes da Subdelegación, do Concello de Ourense, da Xunta de Galicia, da Escola de Arte Antonio Faílde, e dos partidos PP e PSOE. Tamén formará parteo inspector de Educación Xosé Fernández, quen animou aos centros “a participar para coñecer e valorar os dereitos fundamentais recollidos na Constitución”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.