Deportes

O equipo mixto do Escola Pavillón, campión do Academic Cup en Samokov

O equipo mixto júnior do Club Escola Pavillón acadou un histórico ouro en Bulgaria na súa primeira participación internacional, brillando no 17th Academic Cup / IFAGG Trophy.

Esta competición tivo lugar os días 26 e 27 en Samokov.

O equipo mixto do Escola Pavillón, campión do Academic Cup en Samokov

Desde as preliminares do mércores, o equipo ourensán situouse en cabeza, logrando a primeira posición. Nese intre superaba por dous puntos ao conxunto Kerbez Mix, de Kazajistán. Na xornada do xoves, xa nas finais, volveron asinar a mellor puntuación e proclamáronse campións do torneo. O equipo ourensá conseguiu a medalla de Ouro por diante de Kazajistán e Malaisia, que completaron o podio.

O equipo mixto do Escola Pavillón, campión do Academic Cup en Samokov
Foto: Club Escola Pavillón

Os logros do equipo non comezan en Bulgaria. O Escola Pavillón conquistara xa o ouro no I Campionato Nacional de Ximnasia Estética de Grupo, celebrado en Pamplona en decembro de 2024. Tamén revalidara o título no II Nacional, disputado en Ourense o pasado mes de xullo.

Tras este éxito, o Comité Técnico da RGEG seleccionou o equipo ourensán —xunto co conxunto senior de Ximnasia Oleiros— para representar a España nos eventos internacionais que se desenvolven en Bulgaria ata o domingo día 30.

O cadro está formado pola adestradora Raquel Dafonte Rodríguez e polos/as ximnastas Eduardo Montero Rodríguez, José Vázquez Gómez, Noa Fernández Feijóo, Mónica Silva González, Lara Quintana Rodríguez, Nicole Álvarez Pasini, Laura Hermilla Coello e Daniela Gil Romasanta.

O equipo xa pensa en 2026, ano no que prepararán un novo exercicio de ximnasia estética de grupo para competir no III Nacional.

Botón volver arriba