Noticias

Álvaro Vila explica a actuación do PSdeG polo caso Barbadás

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, compareceu este mércores na sede do partido para explicar con total transparencia a actuación da organización tras a denuncia por presunto acoso laboral presentada contra o alcalde de Barbadás e deputado provincial, Xosé Carlos Valcárcel Doval.

Vila recoñeceu que “non son momentos fáciles”, pero reafirmou o compromiso do PSdeG coa aplicación rigorosa dos seus protocolos contra o acoso e coa protección das vítimas.

Álvaro Vila explica a actuación do PSdeG polo caso Barbadás

Segundo relatou, os feitos activáronse o domingo 15 de decembro. Entre as 11:30 e as 12:00 horas recibiu a chamada dunha militante que lle trasladou unha posible situación de acoso. “Inmediatamente din conta desta conversa á secretaria de Igualdade, ao secretario de Organización e trasladei aos órganos do partido a información”, explicou. Vila subliñou a rapidez na activación dos mecanismos internos.

Álvaro Vila explica a actuación do PSdeG polo caso Barbadás
Foto: PSdG

Xa o luns 16 de decembro, ás 17:30 horas, celebrouse unha reunión na sede do PSdeG-PSOE de Ourense coa denunciante. Nese encontro, a militante realizou un relatorio verbal e por escrito dos feitos e formalizou a denuncia a través da canle interna do partido. A acta foi asinada pola secretaria de Igualdade provincial, o secretario de Organización, a vicesecretaria provincial, o propio Álvaro Vila e a denunciante, e remitida aos órganos galegos e estatais do PSdeG-PSOE.

Tras esa reunión, o secretario provincial contactou co denunciado para informalo da existencia da denuncia. O encontro produciuse o martes 17 de decembro pola tarde, unha vez rematada unha reunión da FEGAMP en Santiago. Segundo explicou Vila, tras esa conversa Xosé Carlos Valcárcel presentou a súa renuncia á militancia no PSdeG-PSOE.

Ese mesmo martes, xa pola tarde-noite, reuniuse a Executiva Provincial. Este organismo expresou “un rotundo apoio á vítima, que debemos protexer en todo momento e acompañar durante todo o proceso”. Vila confirmou que a denuncia está a ser tramitada polo Órgano contra o Acoso do PSdeG-PSOE en Madrid, que dará audiencia ás partes para a exposición de argumentos e presentación de probas.

Durante a rolda de prensa celebrada este mércores 18 de decembro, Vila insistiu en que “cada quen ten que asumir as súas responsabilidades políticas”. Ademais, informou da apertura dun expediente informativo contra o militante que fora concelleiro de Barbadás e dimitira en 2024 por un presunto acoso sexual, coa intención de proceder á súa expulsión inmediata. “No seu momento non había constancia de que esta dimisión fora por acoso sexual. O partido non estaba informado”, aclarou.

A vítima, no centro da actuación

Álvaro Vila foi contundente ao situar a protección da vítima como prioridade absoluta. “O noso partido ten uns valores e unha tolerancia cero co acoso”, afirmou, destacando que o proceso se desenvolve “coas máximas garantías para denunciante e denunciado”. Tamén fixo fincapé na necesidade de preservar a identidade da denunciante, diferenciando entre denuncia anónima e anonimato protexido.

En relación coa situación política en Barbadás, o secretario provincial restoulle protagonismo. “A gobernabilidade do concello é secundaria nestes intres”, sinalou, ao asegurar que o prioritario é garantir o percorrido da denuncia e o acompañamento á vítima. Vila recoñeceu que aínda non se abordou cos concelleiros socialistas como pode afectar esta situación ao goberno municipal, aínda que confirmou que non consta ningunha baixa máis no partido.

“O PSdeG-PSOE de Ourense reafirma o seu compromiso coa aplicación rigorosa dos seus protocolos contra o acoso, coa protección das vítimas e coa defensa dos valores que definen á organización”, concluíu Álvaro Vila, quen insistiu en que o partido actuou “con total pulcritude” desde o primeiro momento.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.