No Hospital de Ourense volveu a producirse este martes unha caída de parte do falso teito na zona xeral do centro sanitario.
Podemos Ourense cualifica este episodio de “extremadamente grave” e, segundo a formación, evidencia a deixadez da Xunta de Galicia na conservación das instalacións do CHUO.
Podemos denuncia riscos no Hospital de Ourense
Segundo denuncia Podemos Ourense, este incidente non é un feito puntual. A formación lembra que xa se produciron derrubamentos similares no Hospital Materno-Infantil, o que, ao seu xuízo, confirma a existencia dun problema estrutural coñecido e non resolto pola Administración autonómica. Para o partido, a repetición destes episodios supón un risco directo para pacientes, acompañantes e persoal sanitario.

O portavoz de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, considera a situación “intolerable” e responsabiliza directamente ao Goberno galego. “Estamos falando dun hospital no que caen os teitos mentres a Xunta mira para outro lado. Isto non é mala sorte nin un accidente: é o resultado directo da deixadez política de Alfonso Rueda. Están xogando coa seguridade de pacientes, crianzas e profesionais sanitarios”, afirmou.
Desde a formación morada falan dunha vergoña institucional e critican que a Xunta “negue a realidade” mentres lanza mensaxes triunfalistas sobre o estado da sanidade pública en Ourense. Aseguran que usuarios e traballadores acoden cada día a unhas instalacións que non cumpren cos mínimos esixibles de seguridade.
Diéguez tamén denunciou un trato desigual con respecto a outros territorios galegos. “Se isto estivese a pasar nun hospital dunha gran cidade, a reacción sería inmediata. Pero como é Ourense, pretenden normalizar que se caian os teitos. Non o imos permitir”, subliñou.
Explicacións e información urxente
No seu comunicado, Podemos Ourense esixe á Xunta de Galicia explicacións inmediatas e públicas, información veraz sobre o estado real das instalacións do CHUO, así como medidas urxentes e visibles que garantan a seguridade das persoas usuarias e do persoal. Ademais, reclaman a asunción de responsabilidades políticas polo ocorrido.
“Cando cae un teito nun hospital, cae tamén a mentira da boa xestión do PP. Non agardaremos a que haxa vítimas para actuar”, concluíu o portavoz, insistindo en que a seguridade non é negociable e que a sanidade pública en Ourense non pode seguir abandonada.

