O Espazo Xove de Ourense acollerá este venres, 15 de maio, ás 20:00 h, a inauguración da exposición colectiva “Primeiros Pasos”.
Esta mostra reúne os traballos pictóricos realizados por nenos e nenas participantes na actividade Artistic Corner, impulsada polo centro socioeducativo Smart Corner “Educación Emocionante” en colaboración coa Casa da Xuventude.
A arte infantil toma o Espazo Xove de Ourense
A exposición é o resultado do traballo desenvolvido ao longo do presente curso escolar polo alumnado que participa nesta iniciativa en diferentes centros educativos da cidade, así como no propio centro Smart Corner e nos obradoiros de pintura organizados polo Espazo Xove.

No acto inaugural estarán presentes o xerente de Smart Corner, Mauro Santos, persoas responsables do Espazo Xove e o instructor de pintura Antón P. Couto, quen acompañará aos asistentes na presentación das obras creadas polos máis pequenos.
Baixo o título “Primeiros Pasos”, a mostra reunirá durante un mes un conxunto de creacións variadas e orixinais nas que os nenos e nenas plasman a través da pintura as súas emocións, creatividade e talento artístico.
A organización destaca que a exposición busca poñer en valor a expresión artística na infancia e ofrecer un espazo no que os máis novos poidan compartir co público o resultado do seu proceso creativo.
A entrada á inauguración e á posterior exposición será libre e gratuíta, polo que poderá asistir calquera persoa interesada, así como familias da cidade que desexen coñecer de preto o traballo artístico dos participantes.

