Deportes

Máis de 70 medallas para o Burgas no Galego Base, Élite e Escolar

O Club Ximnasia Burgas asinou unha actuación histórica no Campionato Galego Base, Élite e Escolar de Trampolín, celebrado en Pontevedra os días 20 e 21 de xuño, ao conquistar nove títulos autonómicos por equipos e sumar máis de 70 medallas individuais.

Na categoría Base, o conxunto ourensán proclamouse campión galego en Trampolín, Dobre Minitramp e Tumbling, converténdose no único club galego que conseguiu o título nas tres modalidades na mesma competición.

Máis de 70 medallas para o Burgas no Galego Base, Élite e Escolar

Os excelentes resultados tamén se trasladaron á competición individual, onde o Burgas logrou 12 campións galegos, 6 subcampións e 5 terceiros postos.

Máis de 70 medallas para o Burgas no Galego Base, Élite e Escolar
Foto: Club Burgas

Na categoría Escolar, o dominio do club foi absoluto, ao facerse cos títulos galegos por equipos en Trampolín feminino e masculino, Dobre Minitramp feminino e masculino, e Tumbling feminino e masculino, ademais dun terceiro posto en Minitramp masculino.

A nivel individual, os deportistas do Burgas acadaron 22 títulos galegos, 18 subcampionatos e 8 medallas de bronce, confirmando o gran nivel da canteira do club.

Na competición Élite, destacou especialmente Melania Rodríguez, que se proclamou campioa galega absoluta de Trampolín. A ximnasta ourensá chega a este éxito como actual campioa e plusmarquista mundial de Dobre Minitramp.

Tamén sobresae a actuación de Paula Touza, que conseguiu o terceiro posto absoluto en Trampolín, modalidade na que é a actual campioa de España, ademais dun terceiro posto absoluto en Dobre Minitramp.

Pola súa banda, Uxía Rodríguez, actual subcampioa de Europa por equipos en Dobre Minitramp, completou unha brillante participación cun terceiro posto na categoría júnior de Trampolín.

Botón volver arriba