Noticias

PROCAP reclama información directa e máis persoal no CAPD de Ourense

A Plataforma PROCAP, integrada por familias de persoas con discapacidade, reclama transparencia, diálogo coa Administración e recursos humanos suficientes no CAPD de Ourense ante as informacións difundidas nos últimos días sobre o funcionamento do centro.

A entidade asegura que non participa na confrontación política. O seu único obxectivo é defender os dereitos das persoas con discapacidade e mellorar a calidade dos servizos públicos que reciben.

PROCAP reclama información directa e máis persoal no CAPD de Ourense

As familias critican que están a coñecer a situación do centro a través dos medios de comunicación. Reclaman á Administración unha canle estable de información e diálogo. Segundo PROCAP, a Consellería comprometeuse en diferentes ocasións a manter unha interlocución directa coa plataforma, pero ese compromiso non se materializou.

PROCAP reclama información directa e máis persoal no CAPD de Ourense.
Foto: PROCAP.

A entidade tamén advirte da súa preocupación pola insuficiencia de persoal e pola ausencia de determinadas especialidades profesionais previstas e necesarias nun centro destas características, entre elas enfermaría e fisioterapia.

PROCAP considera que a dotación de recursos humanos adecuados resulta imprescindible para garantir unha atención integral e de calidade. Ademais, pide que as cuestións que xeran preocupación entre as familias se aclaren con “rigor, transparencia e celeridade”.

A plataforma reitera a súa disposición ao diálogo e á colaboración coa Administración, pero reclama participar nas decisións que afectan directamente ás persoas con discapacidade e ás súas familias. “As persoas usuarias e as súas familias merecen transparencia, respecto e uns recursos suficientes”, conclúe.

Botón volver arriba