O Festival PeDRa celebrará a súa sexta edición entre o 28 de agosto e o 25 de setembro, cun programa cultural gratuíto que percorrerá diferentes localidades do rural do Val de Ourense.
A organización presentará oficialmente esta edición este martes, 25 de agosto, ás 11:00 horas no salón de tertulias do Liceo de Ourense. No acto participarán o director do festival, o investigador Óscar Penín, e Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027.
O rural do Val de Ourense acollerá o Festival PeDRa
Baixo o lema «un festival para o saber herdado, o científico e o creativo», PeDRa dedicará esta edición ao Val de Ourense como nó de camiños, nunha programación vinculada á celebración do Ano Oteriano 2026 e á proximidade do Xacobeo 2027.

O festival manterá así o seu compromiso coa dinamización cultural do rural ourensán. Nesta sexta edición desenvolveranse cinco xornadas en catro sedes: Loiro (Barbadás), Trasalba (Amoeiro), Viduedo (Cea) e Puga (Toén).
As actividades serán de acceso gratuíto e combinarán propostas relacionadas co coñecemento herdado, a ciencia e a creación, co territorio como fío condutor.
A sexta edición do PeDRa está cofinanciada pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.

