O PP de Ourense condenou os insultos que, segundo denunciou, recibiron militantes populares na carpa informativa instalada no Paseo durante a mobilización do 25N e reclamou ao BNG unha condena expresa destes comportamentos.
A candidata ao Congreso, Ana Belén Vázquez, trasladou a súa solidariedade cos compañeiros e compañeiras afectados e asegurou que o partido continuará defendendo os dereitos das mulleres. «Non nos van calar», afirmou, antes de cuestionar a posición do BNG en relación coa lei do «só si é si» e coas incidencias nas pulseiras antimaltrato.
O PP reclama ao BNG condenar os insultos denunciados durante o 25N
Pola súa banda, o presidente provincial, Luis Menor, cualificou o sucedido de «absolutamente intolerable» e denunciou que durante os incidentes se chegaron a escoitar berros alusivos a queimar o PP.

Menor reivindicou tamén a presenza feminina na formación popular, destacando o número de alcaldesas do partido en Galicia e a incorporación de novas candidatas ás alcaldías ourensás de cara ás próximas eleccións municipais.
O PP defende a revalorización das pensións
Durante a súa visita a Barbadás, Luis Menor tamén trasladou unha mensaxe de estabilidade aos pensionistas e rexeitou as acusacións sobre posibles recortes ou privatizacións das pensións por parte do PP.
O presidente provincial reafirmou o compromiso da formación coa revalorización das pensións por lei e defendeu afastar esta cuestión da confrontación política. Ademais, destacou o potencial de desenvolvemento de Barbadás e da provincia de Ourense con políticas impulsadas por un Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo.

