O Ministerio para a Transición Ecolóxica iniciou esta semana as obras para completar o saneamento do río Barbaña e mellorar a EDAR de San Cibrao das Viñas, cun investimento superior aos 39,5 millóns de euros.
O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, visitou a zona de inicio dos traballos xunto ao subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa. As primeiras actuacións céntranse na preparación dos terreos e no acopio de materiais.
Comezan as obras para completar o saneamento do Barbaña en San Cibrao
O proxecto contempla a adecuación da rede de saneamento no contorno de San Cibrao e dos seus polígonos industriais. Entre as actuacións figura a transformación da rede actual nun sistema separativo para augas residuais e pluviais.

En total, está prevista a substitución de 2.469 metros de colectores e 8.153 metros de canalizacións, así como a construción de novos colectores de fecais e pluviais.
A intervención tamén permitirá remodelar e ampliar a estación depuradora de augas residuais (EDAR). Esta quedará dimensionada para tratar un caudal medio diario de 22.140 metros cúbicos e atender unha poboación equivalente de 77.490 habitantes.
Quiroga destacou que a actuación permitirá avanzar na mellora da calidade das augas do río Barbaña. Apelou á colaboración das administracións, empresas e cidadanía para evitar novos episodios de contaminación.
Pola súa banda, Eladio Santos cualificou o proxecto de “reivindicación histórica” dos veciños e do tecido produtivo de Ourense e San Cibrao das Viñas. O subdelegado salientou tamén o compromiso do Goberno central co ciclo urbano da auga na provincia.
