O profesor Millán Brea Castro impulsa unha campaña de micromecenado para publicar Videojuegos… ¡sí, gracias!, un álbum ilustrado infantil que propón reflexionar sobre os videoxogos desde unha perspectiva educativa, familiar e libre de prexuízos.
A iniciativa, aberta desde o pasado 17 de agosto, busca financiar a primeira edición dunha obra dirixida tanto á infancia como ás persoas adultas. Esta publicación pretende tender pontes entre xeracións a través da cultura dos videoxogos.
Millán Brea impulsa un libro infantil sobre videoxogos
A historia parte dunha pregunta aparentemente sinxela formulada nunha aula: «Profe, ti xogas aos videoxogos?». A partir dese momento, o libro abre unha conversa sobre o papel que os videoxogos ocupan na vida das familias e sobre a súa capacidade para converterse nun espazo de encontro, lembranzas e experiencias compartidas.

A protagonista, Arancha, convive coa desconfianza existente na súa casa cara ás pantallas. Arancha irá descubrindo que os videoxogos poden ser moito máis que unha forma de entretemento e servir para achegar xeracións diferentes.
A campaña de crowdfunding inclúe diferentes modalidades de apoio para particulares, familias, centros educativos, bibliotecas e asociacións. Entre as recompensas figuran exemplares personalizados, marcapáxinas exclusivos, presenza nos agradecementos do libro e actividades formativas e obradoiros relacionados cos videoxogos, a educación e a mediación dixital.
O proxecto tamén incorpora unha vertente solidaria. Por cada exemplar físico adquirido durante a campaña destinarase unha parte da recadación á Fundación Juegaterapia. Esta entidade traballa para mellorar a estancia hospitalaria de nenos e nenas a través do xogo.
Detrás da iniciativa está Millán Brea Castro, doutor en Ciencias da Educación, profesor da Universidade da Coruña, pedagogo e educador social, ademais de coordinador da área social do Club Ourense Baloncesto e director da Escola de Tempo Libre ESTOUPO.
Videojuegos… ¡sí, gracias!
Segundo explica o autor, o libro nace das súas experiencias persoais e profesionais e da intención de abrir un diálogo sobre unha realidade presente na vida de millóns de persoas. Videojuegos… ¡sí, gracias! reivindica así os videoxogos como tecnoloxía, pero tamén como cultura, memoria e espazo para compartir experiencias en familia.

O calendario previsto contempla a revisión definitiva da obra e a súa preparación para imprenta durante os meses de outubro e novembro. A impresión realizaríase entre novembro e decembro de 2026, mentres que a entrega das recompensas físicas está prevista para decembro ou, como límite, xaneiro de 2027.

